Lagares Vivo colabora co proxecto de investigación de AXICA – Colexio Alborada

A Asociación de Xóvenes Investigadores do Colexio Alborada de Vigo , AXICA, encetou coa colaboración da nosa asociación un interesante proxecto de investigación cuxo obxectivo é estudar as sucesións planctónicas en dous puntos distintos do río Lagares. O proxecto está tutorizado polo profesor de Ciencias Naturais Alberto García Mallo e levado a cabo por alumnos de 3º e 4º de ESO co apoio de ex-alumnos do centro.

IMG_20160813_123905142
O reponsable do proxecto, Alberto García, con alumnas do centro e un membro da directiva de Lagares Vivo dispostos a realizar o primeiro dos fondeos.

Para a realización do estudo, escolléronse dous puntos do río, un con clara influencia mariña e outro coa influencia máis atenuada. Fondeáronse mortos de 40-60 cm con cada captador, 6 en total, coa fin de ir extraendo un cada mes e logo proceder á súa análise no laboratorio, para o cal contamos coa colaboración do ECIMAT (Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, dependente da Universidade de Vigo). A realización dos traballos conta, ademais, cos preceptivos permisos de Augas de Galicia e Costas. O fondeo dos captadores tivo lugar o pasado sábado 13 de agosto.

IMG_20160813_123038185
Imaxe dos captadores empregados.

O traballo preténdese presentar á feira Galiciencia de Ourense en novembro e á Exporecerca de Barcelona en marzo, así coma ao concurso esdelibro.es en maio de 2017.