Felices Festas

Un ano máis a Asociación Lagares Vivo deséxavos unhas moi felices festa e un mellor ano 2016.

fotoefectos.com__final_1485434967025_

Anuncios

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas.

O Lagares Vivo foi de festa, celebramos a máxica noite de San Xoan. Compartimos con todos vós algunhas fotos da fogeira e, como non, o Conxuro da Queimada galega:

San Xoan 2015_2
San Xoan 2015_3

San Xoan 2015_4

Mouchos, coruxas, sapos e bruxas.

Demos, trasgos e diaños,

espritos das nevoadas veigas.

Corvos, pintigas e meigas,

feitizos das menciñeiras.

Podres cañotas furadas,

fogar dos vermes e alimañas.

Lume das santas Compañas.

Mal de ollo, negros meigallos,

cheiro dos mortos, tronos e raios.

Ouveo do can, pregón da morte;

fuciño do sátiro e pé do coello.

Pecadora lingua da mala muller

casada cun home vello.

Averno de Satán e Belcebú,

lume dos cadavres ardentes,

corpos mutilados dos indecentes,

peidos dos infernales cus,

muxido da mar embravescida.

Barriga inútil da muller solteira,

falar dos gatos que andan á xaneira,

guedella porca da cabra mal parida.

Con este fol, levantarei as chamas deste lume

que asemella ó do inferno

e fuxirán as meigas a cabalo das súas escobas,

índose bañar na praia das areas gordas.

¡Oíde, oíde! os ruxidos que dan as que

non poden deixar de queimarse

no augoardente quedando así purificadas.

E cando esta brebaxe baixe polas nosas gorxas,

quedaremos libres dos males

da nosa alma e de todo embruxamento.

Forzas do Ar, Terra, Mar e Lume,

a vós fago esta chamada:

Si é verdade que tedes máis poder que a humana xente,

eiquí e agora, facede que os espritos dos amigos que estean fóra,

participen con nós desta queimada.

San Xoan 2015_1

Esperamos que todos podamos deixar atrás o tempo pasado e dar a benvida ó tempo futuro.

Alegacións novo proxecto sendeiro Cabral‏

No Boletín Oficial de Pontevedra do pasado 23 de abril saíu publicado o proxecto da Comunidade de Montes de Cabral da construción dun sendeiro ao longo do río Lagares na parroquia de Cabral, do Parque de Valadas á rúa Manuel Álvarez. Unha vez tivemos acceso ao mesmo en Augas de Galicia e tras a súa análise, decidimos dar os seguintes pasos:

1. Congratulámonos e felicitamos aos responsables de que varias das nosas alegacións ao primeiro proxecto foran recollidas neste estudo, o cal, ao noso entender, mellora notablemente este proxecto con respecto ao anterior. Entre elas salientan a eliminación de especies invasoras, o abandono da idea de plantar 1.600 pés de salgueiro chorón, o plano de conservación e a sinaléctica referida á especie endémica galega Narcissus cyclamineus.

2. Porén, malia estas innegables melloras, hai puntos que aínda son mellorables. A tal efecto, consideramos preciso presentar as catro alegacións que resumimos a continuación:

2.1 Solicitamos que o cálculo do camiño de servidume se realice en base a un punto de máxima avenida considerado como a maior crecida existente da que se teña constancia nos rexistros de Augas de Galicia.

2.2 Tamén solicitamos que os traballos de roza previstos respecten o bosque de ribeira nunha franxa mínima de 3 metros, así como a diversas especies vexetais de alto valor ecolóxico. Consideramos que as reforestacións deben respectar as liñas naturais de localización das árbores con respecto ao río, e pensamos que os 48 pés de salgueiro chorón e catalpa poden ser substituídos, todos ou en parte, por carballo do país.

2.3 A instalación de cartelería que prohíba expresamente a circulación de vehículos a motor polo sendeiro.

2.4 A minimización do emprego do xabre e evitar os movementos de terras.

A construción dun sendeiro verde ao longo de todo o río é unha das nosas demandas. O que queremos é que este se leve a cabo do mellor xeito posible.

Rexistrada solicitude sobre a ponte de Castrelos‏

Bo día,

O pasado xoves 16 de abril, dende a Asociación Lagares Vivo vimos de rexistrar unha petición no Concello de Vigo dirixida ao Departamento de Patrimonio Histórico, relativa á actual situación da ponte medieval de Castrelos ou de Balaídos co seguinte texto:

No barrio de Balaídos, entre bloques de edificios, sitúase unha das xoias arqueolóxicas de Vigo: a ponte medieval de Balaídos ou de Castrelos. Trátase dunha ponte de orixe medieval, declarada Ben de Interese Cultural en 1991, que conserva a calzada e dous piares cónicos a ambos os lados da entrada, con dous tallamares a cadanseu lado e de fermosa fasquía.

Porén, o estado deste valioso referente do patrimonio vigués é moi mellorable. Completamente descontextualizada por mor do urbanismo salvaxe dos anos 70, o río xa non pasa por embaixo dela. Unha reixa sen máis illa a ponte das veciñas e veciños da cidade, sen ningún tipo de información sobre o seu valor, e os graffitis están presentes nalgunhas partes da mesma. Urxe, xa que logo, unha exhaustiva limpeza e sinalización que poña en valor esta construción.

E, XA QUE LOGO, SOLICITA:

1.   Unha correcta sinalización da mesma, con sinaléctica axeitada que informe, cando menos, do seu carácter de Ben de Interese Cultural e das características arquitectónicas e históricas máis salientables que a singularizan.

2.      Unha profunda limpeza que elimine todo rastro de graffitis e outros elemento non desexados que deterioran a súa imaxe.

3.      Unha campaña de posta en valor da ponte que fomente o seu coñecemento por parte da cidadanía.

A loita política continua…

LAGARES VIVO MANTÉN UNHA REUNIÓN CO PARTIDO POLÍTICO OS VERDES GALICIA:
Dentro da nosa xeira de reunións de traballo cos distintos partidos políticos que optarán á alcaldía de Vigo nas vindeiras eleccións municipais, o pasado día 7 de febreiro mantivemos unha xuntanza cunha delegación de Os Verdes Galicia, encabezada polo seu Secretario de Organización, Xosé Manuel Ledo.
Na devandita xuntanza trasladámoslle as mesmas propostas encol da rexeneración e recuperación do río Lagares que no seu día foron trasladadas a Compromiso por Galicia e que podedes consultar no correspondente post.
A sintonía foi grande e dende Os Verdes Galicia comprometéronse a nos enviar o seu programa electoral de cara as muncipais. Cando o recibamos, valoraremos o grao de inclusión das nosas propostas no mesmo.