Alegacións novo proxecto sendeiro Cabral‏

No Boletín Oficial de Pontevedra do pasado 23 de abril saíu publicado o proxecto da Comunidade de Montes de Cabral da construción dun sendeiro ao longo do río Lagares na parroquia de Cabral, do Parque de Valadas á rúa Manuel Álvarez. Unha vez tivemos acceso ao mesmo en Augas de Galicia e tras a súa análise, decidimos dar os seguintes pasos:

1. Congratulámonos e felicitamos aos responsables de que varias das nosas alegacións ao primeiro proxecto foran recollidas neste estudo, o cal, ao noso entender, mellora notablemente este proxecto con respecto ao anterior. Entre elas salientan a eliminación de especies invasoras, o abandono da idea de plantar 1.600 pés de salgueiro chorón, o plano de conservación e a sinaléctica referida á especie endémica galega Narcissus cyclamineus.

2. Porén, malia estas innegables melloras, hai puntos que aínda son mellorables. A tal efecto, consideramos preciso presentar as catro alegacións que resumimos a continuación:

2.1 Solicitamos que o cálculo do camiño de servidume se realice en base a un punto de máxima avenida considerado como a maior crecida existente da que se teña constancia nos rexistros de Augas de Galicia.

2.2 Tamén solicitamos que os traballos de roza previstos respecten o bosque de ribeira nunha franxa mínima de 3 metros, así como a diversas especies vexetais de alto valor ecolóxico. Consideramos que as reforestacións deben respectar as liñas naturais de localización das árbores con respecto ao río, e pensamos que os 48 pés de salgueiro chorón e catalpa poden ser substituídos, todos ou en parte, por carballo do país.

2.3 A instalación de cartelería que prohíba expresamente a circulación de vehículos a motor polo sendeiro.

2.4 A minimización do emprego do xabre e evitar os movementos de terras.

A construción dun sendeiro verde ao longo de todo o río é unha das nosas demandas. O que queremos é que este se leve a cabo do mellor xeito posible.

Anuncios