Alegacións novo proxecto sendeiro Cabral‏

No Boletín Oficial de Pontevedra do pasado 23 de abril saíu publicado o proxecto da Comunidade de Montes de Cabral da construción dun sendeiro ao longo do río Lagares na parroquia de Cabral, do Parque de Valadas á rúa Manuel Álvarez. Unha vez tivemos acceso ao mesmo en Augas de Galicia e tras a súa análise, decidimos dar os seguintes pasos:

1. Congratulámonos e felicitamos aos responsables de que varias das nosas alegacións ao primeiro proxecto foran recollidas neste estudo, o cal, ao noso entender, mellora notablemente este proxecto con respecto ao anterior. Entre elas salientan a eliminación de especies invasoras, o abandono da idea de plantar 1.600 pés de salgueiro chorón, o plano de conservación e a sinaléctica referida á especie endémica galega Narcissus cyclamineus.

2. Porén, malia estas innegables melloras, hai puntos que aínda son mellorables. A tal efecto, consideramos preciso presentar as catro alegacións que resumimos a continuación:

2.1 Solicitamos que o cálculo do camiño de servidume se realice en base a un punto de máxima avenida considerado como a maior crecida existente da que se teña constancia nos rexistros de Augas de Galicia.

2.2 Tamén solicitamos que os traballos de roza previstos respecten o bosque de ribeira nunha franxa mínima de 3 metros, así como a diversas especies vexetais de alto valor ecolóxico. Consideramos que as reforestacións deben respectar as liñas naturais de localización das árbores con respecto ao río, e pensamos que os 48 pés de salgueiro chorón e catalpa poden ser substituídos, todos ou en parte, por carballo do país.

2.3 A instalación de cartelería que prohíba expresamente a circulación de vehículos a motor polo sendeiro.

2.4 A minimización do emprego do xabre e evitar os movementos de terras.

A construción dun sendeiro verde ao longo de todo o río é unha das nosas demandas. O que queremos é que este se leve a cabo do mellor xeito posible.

Anuncios

Lagares Vivo é de interese político

O partido político Compromiso por Galicia púxose en contacto con Lagares Vivo co obxectivo de recabar ideas que poidan incluír no seu programa electoral de cara as vindeiras eleccións municipais. Dende Lagares Vivo fixémoslles chegar as seguintes propostas:

PROPOSTAS SOBRE O RÍO LAGARES PARA A SÚA INCLUSIÓN NO PROGRAMA ELECTORAL DE COMPROMISO POR GALICIA

  1. Declaración do curso alto do río como Espazo Natural de Interese Local.
  2. Posta en valor da ponte medieval de Castrelos: limpeza das pintadas e colocación de paneis informativos que informen das súas características e historia.
  3. Na zona de Chan das Ras (Cabral) florece entre febreiro e marzo a especie Narcissus cyclamineus, auténtica xoia botánica do río Lagares, xa que se trata dun endemismo do suroeste de Galicia e noroeste de Portugal. Instalación de paneis informativos no lugar citado para informar aos visitantes da existencia e características desta especie.
  4. O tramo do río que transcorre pola parroquia de Lavadores é o que ofrece peor estado, ata o estremo de que en boa parte del é imposible o acceso ao río. Debe de acometerse con carácter urxente un plano de recuperación e rexeneración do río neste tramo.
  5. A cantidade e intensidade dos verquidos que sofre o noso río é completamente intolerable. É preciso un plano de prevención e vixilancia que inclúa, como mínimo, os seguintes puntos:
    1. A conexión das casas á rede de residuais para evitar verquidos fecais e de deterxentes.
    2. O selado de tuberías que dan ao río e a eliminación dos focos de polución.
    3. Control sobre as industrias para que cumpran coa normativa de tratamentos de residuos.
    4. Implementación de tecnoloxías limpas nesas mesmas industrias.
    5. Control exhaustivo da calidade das augas e do ecosistema fluvial, mediante análises periódicas.

Logo Compromiso por Galiciacropped-lagaresvivo_logo3.jpg