Sobre o río

O río Lagares é un curso fluvial duns 14 quilómetros de lonxitude que transcorre case integramente polo concello de Vigo, agás o seu nacemento, ubicado na parroquia de Vilar de Infesta (Redondela), por riba da Lagoa Mol. Dende alí percorre as parroquias viguesas de Cabral, Lavadores, Sárdoma, Castrelos, Matamá, Comesaña e Navia, onde desemboca na marxe sur da praia de Samil. Os seus principais tributarios son os ríos Eifonso e Barxa.

A conca do río Lagares agacha algúns dos paraxes de máis alto valor ecolóxico do concello vigués. O nacemento do río, nas brañas situadas por riba de Lagoa Mol, conservan bosques de ribeira autóctonos, dominados por salgueiros, bidueiros e amieiros. Xa en Cabral cómpre salientar Chan das Rás, onde florece entre febreiro e marzo a xoia botánica do río, o endemismo luso-galaico Narcissus cyclamineus, coa súa característica flor amarela a xeito de trompeta. No tramo final, a xunqueira do Lagares constitúe un refuxio de numerosas especies de aves acuáticas. O seu afluente Eifonso atravesa as fragas autóctonas mellor conservadas de todo o municipio, ademais de contar cunha fervenza de considerable altura.

Fotografía del río Lagares
Fotografía del río Lagares

Tamén a etnografía é un valor importante do río e da súa contorna. Os muíños son un elemento cotián presente á beira do río. Estas vellas construcións, que aproveitaban a forza do río para moer a fariña coa que se facía o pan, están a maioría en desuso, aínda que algúns aínda fan o seu labor na parroquia de Cabral. A riquísima microtoponimia arredor do Lagares (que tamén é coñecido co nome de río Gandariña) é outro ben que debe ser obxecto de estudo e protección.

Muiño no río Lagares
Muiño no río Lagares

Lamentablemente, o Lagares tamén é coñecido polos numerosos ataques que sofre. Os verquidos son, desgrazadamente, demasiado frecuentes, como o acontecido en marzo de 2014, que acabou coa vida de milleiros de peixes e anfibios sen que, insolitamente, se detectasen culpables nin a substancia contaminante. Neste contexto é onde se desenvolven moitas das accións da asociación, co obxectivo de que as administracións competentes castiguen aos culpables e de que logren que episodios coma este non volvan acontecer.

Por ultimo pero non menos importante deixamos o voso alcance un informe sobre o río Lagares INFORME RÍO LAGARES

Un comentario en “Sobre o río

Los comentarios están cerrados.