Rexistrada solicitude sobre a ponte de Castrelos‏

Bo día,

O pasado xoves 16 de abril, dende a Asociación Lagares Vivo vimos de rexistrar unha petición no Concello de Vigo dirixida ao Departamento de Patrimonio Histórico, relativa á actual situación da ponte medieval de Castrelos ou de Balaídos co seguinte texto:

No barrio de Balaídos, entre bloques de edificios, sitúase unha das xoias arqueolóxicas de Vigo: a ponte medieval de Balaídos ou de Castrelos. Trátase dunha ponte de orixe medieval, declarada Ben de Interese Cultural en 1991, que conserva a calzada e dous piares cónicos a ambos os lados da entrada, con dous tallamares a cadanseu lado e de fermosa fasquía.

Porén, o estado deste valioso referente do patrimonio vigués é moi mellorable. Completamente descontextualizada por mor do urbanismo salvaxe dos anos 70, o río xa non pasa por embaixo dela. Unha reixa sen máis illa a ponte das veciñas e veciños da cidade, sen ningún tipo de información sobre o seu valor, e os graffitis están presentes nalgunhas partes da mesma. Urxe, xa que logo, unha exhaustiva limpeza e sinalización que poña en valor esta construción.

E, XA QUE LOGO, SOLICITA:

1.   Unha correcta sinalización da mesma, con sinaléctica axeitada que informe, cando menos, do seu carácter de Ben de Interese Cultural e das características arquitectónicas e históricas máis salientables que a singularizan.

2.      Unha profunda limpeza que elimine todo rastro de graffitis e outros elemento non desexados que deterioran a súa imaxe.

3.      Unha campaña de posta en valor da ponte que fomente o seu coñecemento por parte da cidadanía.

Ponte de Castrelos

A ponte medieval de Castrelos (tamén chamada de Balaídos ou do Lagares) é unha das xoias do patrimonio arqueolóxico vigués. Aínda que é probable que existise unha ponte anterior de orixe romana, a que se pode observar hoxe en día é de indubidable fasquía medieval. Ten 21,50 metros de longo, aínda que consta que chegou a acadar os 60 m, un arco de medio punto e presenta 4 tallamares extraordinariamente ben conservados a ámbolos dous lados da ponte, circunstancia pouco habitual neste tipo de construcións.

Imaxe da Ponte de Castrelos
Imaxe da ponte de Castrelos
Imaxe da ponte de Castrelos
Imaxe da ponte de Castrelos

Nos anos 70, o urbanismo caótico e desenfreado provocou o desvío do curso do río, descontextualizando completamente a ponte, sen ningún curso fluvial que pase por embaixo dela.

Malia ser declarada Ben de Interese Cultural en 1991, a ponte presenta uns graffitis nas súas pedras interiores e, incomprensiblemente, no enreixado que a rodea non hai ningún tipo de información sobre as súas características.

En Lagares Vivo imos dirixirnos ao Concello para solicitar que limpen as devanditas pintadas e que, polo menos, un panel informativo informe aos visitantes sobre a historia e as características de tan valiosa ponte.

Fonte do texto: