Rexistrada solicitude sobre a ponte de Castrelos‏

Bo día,

O pasado xoves 16 de abril, dende a Asociación Lagares Vivo vimos de rexistrar unha petición no Concello de Vigo dirixida ao Departamento de Patrimonio Histórico, relativa á actual situación da ponte medieval de Castrelos ou de Balaídos co seguinte texto:

No barrio de Balaídos, entre bloques de edificios, sitúase unha das xoias arqueolóxicas de Vigo: a ponte medieval de Balaídos ou de Castrelos. Trátase dunha ponte de orixe medieval, declarada Ben de Interese Cultural en 1991, que conserva a calzada e dous piares cónicos a ambos os lados da entrada, con dous tallamares a cadanseu lado e de fermosa fasquía.

Porén, o estado deste valioso referente do patrimonio vigués é moi mellorable. Completamente descontextualizada por mor do urbanismo salvaxe dos anos 70, o río xa non pasa por embaixo dela. Unha reixa sen máis illa a ponte das veciñas e veciños da cidade, sen ningún tipo de información sobre o seu valor, e os graffitis están presentes nalgunhas partes da mesma. Urxe, xa que logo, unha exhaustiva limpeza e sinalización que poña en valor esta construción.

E, XA QUE LOGO, SOLICITA:

1.   Unha correcta sinalización da mesma, con sinaléctica axeitada que informe, cando menos, do seu carácter de Ben de Interese Cultural e das características arquitectónicas e históricas máis salientables que a singularizan.

2.      Unha profunda limpeza que elimine todo rastro de graffitis e outros elemento non desexados que deterioran a súa imaxe.

3.      Unha campaña de posta en valor da ponte que fomente o seu coñecemento por parte da cidadanía.

Deja un comentario