NACE A PLATAFORMA TERRA VIVA

Trala vaga de lumes do pasado mes de outubro, diversos colectivos e organizacións da cidade de Vigo organizámonos para construír unha plataforma que abordase a problemática dos lumes e da xestión forestal. Como resultado naceu a Plataforma Terra Viva, integrada por BNG, CIG, EQUO, LAGARES VIVO, MAREA DE VIGO, PODEMOS E VERDEGAIA.

Como primeira actividade da plataforma organizamos unha xornada sobre os montes na que intervirán diversos poñentes dos ámbitos ecoloxista, político, sindical, científico, cooperativista e das comunidades de montes.

Será o vindeiro sábado, 16 de decembro, a partir das 10:30 da mañá no local da Asociación de Veciños do Val do Fragoso (rúa Val Miñor, 1). Agardámosvos!

Comunicado de Lagares Vivo por mor da vaga de lumes

Dende Lagares Vivo queremos expresar a nosa total solidariedade cos milleiros de galegas e galegos que están a sufrir as dramáticas consecuencias desta irracional vaga de incendios forestais que asolan o país, así como os veciños de Portugal e Asturias. É, pois, o momento de apoiar os esforzos de todas e todas para rematar con esta situación, sen esquecer, que, máis pronto que tarde, cómpre unha profunda reflexión colectiva sobre que modelo de monte queremos e sobre a necesidade de mudar profundamente nefastas políticas forestais que se teñen amosado indolentes para atallar o problema dos lumes, máxime cando este adquire un cariz ata agora descoñecido no marco do cambio climático global.

Imagen Arde Galicia
Coma sempre, o mellor desta situación é a afouteza e xenerosidade dos galegos e galegas que, dende o persoal dos servizos de emerxencia ata as veciñas e os veciños, contribuíron a que o desastre non fose maior. Fainos enorgullecernos de pertencer a este grande pobo galego.

X Limpeza Simultánea de Ríos no Lagares

Como cada outono, Adega organiza a Limpeza Simultánea de Ríos en todo o país. Este ano a coordinación da actividade no Lagares correspóndelle a Lagares Vivo, coa colaboración de Marea de Vigo e Equo Galicia. Convidámosvos pois a participar na limpeza este domingo, 1 de outubro, ás 11:30 horas na Ponte das Coutadas (rúa Severino Covas, 244). Recomendable traer luvas e botas de auga. Esperámosvos! 

 

 

 

Marea de Vigo leva ao pleno do Concello as propostas de Lagares Vivo, Equo e Os Verdes sobre o río.

O pasado 21 de decembro o grupo muncipal de Marea de Vigo levou a voz da nosa asociación ao pleno do Concello presentando as propostas que, conxuntamente con Equo e Os Verdes, viñemos preparando nos últimos meses co obxectivo de recuperar e rexenerar o noso maltratado río.

Resultado de imaxes para marea de vigo

Queremos agradecerlle ao grupo municipal da Marea de Vigo a oportunidade que nos deu de facer chegar ao goberno municipal todo o que vimos reclamando dende os nosos inicios coma asociación.

A continuación podedes consultar o texto íntegro da moción presentada:

mocion-lagares

E a nova relacionada aparecida no Faro de Vigo:

Marea de Vigo exige recuperar el río Lagares.

LAGARES VIVO, EQUO – GALICIA E OS VERDES – GALICIA FEDERACIÓN SOLICITAN EN AUGAS DE GALICIA A PARALIZACIÓN INMEDIATA DAS OBRAS DO CAMIÑO DO LAGARES REALIZADAS POLA COMUNIDADE DE MONTES DE CABRAL

As tres organización vimos de presentar unha denuncia conxunta en Augas de Galicia solicitando o cese das obras por mor do incumprimento das condicións impostas á Comunidade de Montes de Cabral no permiso concedido polo organismo autonómico.
Estamos de acordo en que se faga un paseo peonil para devolver ao uso público un espazo que nunca debeu ser de uso privado. Pero ao noso entender existen na actualidade outros modelos construtivos que alteran menos o entorno, cuxo resultado é máis natural e atractivo que o tipo de obras que se están a facer.
As obras estánse a efectuar de xeito destrutivo coa contorna do río, supoñendo unha agresión evidente ao ecosistema fluvial na súa parte alta, xusto a zona na que presenta un mellor grao de conservación.
Concretamente, solicitamos a paralización baseándonos nos seguintes puntos:
1. Non se están a respectar os 5 metros de servidume a ambas as dúas marxes do río, medidos a partir do punto de máxima enchente, construíndose muros de contención mesmo a menos de 1 metro do Lagares.
2. Incúmprese a prohibición expresa de cortar a vexetación de ribeira na mesma franxa de 5 metros, xa que se está a efectuar unha corta sistemática da mesma.
3. Non se está tendo en conta tampouco a prohibición de depositar áridos na zona de servidume, acumulándose 30 cm por riba de calquera medio de retención, favorecendo a caída deste material ao leito do río.
4. A construcción de muros totalmente verticais de pedra de mamposteria nas marxes do rio, que encouzan o rio e modifican e estreitan totalmente as súas ribeiras naturais, incumpre as características técnicas do proxecto para o que Augas de Galicia concedeu o permiso.

XORNADA DE LIMPEZA NO RÍO LAGARES

Lagares Vivo colabora este ano na xornada de limpeza simultánea de ríos de toda Galicia organizada por ADEGA. Así, ADEGA Vigo e Lagares Vivo quérenvos convidar á mesma que vai decorrer no río Lagares o vindeiro domingo, 2 de outubro ás 11 da mañá. O punto de encontro será a rúa Severino Cobas, 244 (Localización).
A xente que queira participar activamente na limpeza deberá acudir con botas de auga e luvas.

Lagares Vivo colabora co proxecto de investigación de AXICA – Colexio Alborada

A Asociación de Xóvenes Investigadores do Colexio Alborada de Vigo , AXICA, encetou coa colaboración da nosa asociación un interesante proxecto de investigación cuxo obxectivo é estudar as sucesións planctónicas en dous puntos distintos do río Lagares. O proxecto está tutorizado polo profesor de Ciencias Naturais Alberto García Mallo e levado a cabo por alumnos de 3º e 4º de ESO co apoio de ex-alumnos do centro.

IMG_20160813_123905142
O reponsable do proxecto, Alberto García, con alumnas do centro e un membro da directiva de Lagares Vivo dispostos a realizar o primeiro dos fondeos.

Para a realización do estudo, escolléronse dous puntos do río, un con clara influencia mariña e outro coa influencia máis atenuada. Fondeáronse mortos de 40-60 cm con cada captador, 6 en total, coa fin de ir extraendo un cada mes e logo proceder á súa análise no laboratorio, para o cal contamos coa colaboración do ECIMAT (Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, dependente da Universidade de Vigo). A realización dos traballos conta, ademais, cos preceptivos permisos de Augas de Galicia e Costas. O fondeo dos captadores tivo lugar o pasado sábado 13 de agosto.

IMG_20160813_123038185
Imaxe dos captadores empregados.

O traballo preténdese presentar á feira Galiciencia de Ourense en novembro e á Exporecerca de Barcelona en marzo, así coma ao concurso esdelibro.es en maio de 2017.