LAGARES VIVO, EQUO – GALICIA E OS VERDES – GALICIA FEDERACIÓN SOLICITAN EN AUGAS DE GALICIA A PARALIZACIÓN INMEDIATA DAS OBRAS DO CAMIÑO DO LAGARES REALIZADAS POLA COMUNIDADE DE MONTES DE CABRAL

As tres organización vimos de presentar unha denuncia conxunta en Augas de Galicia solicitando o cese das obras por mor do incumprimento das condicións impostas á Comunidade de Montes de Cabral no permiso concedido polo organismo autonómico.
Estamos de acordo en que se faga un paseo peonil para devolver ao uso público un espazo que nunca debeu ser de uso privado. Pero ao noso entender existen na actualidade outros modelos construtivos que alteran menos o entorno, cuxo resultado é máis natural e atractivo que o tipo de obras que se están a facer.
As obras estánse a efectuar de xeito destrutivo coa contorna do río, supoñendo unha agresión evidente ao ecosistema fluvial na súa parte alta, xusto a zona na que presenta un mellor grao de conservación.
Concretamente, solicitamos a paralización baseándonos nos seguintes puntos:
1. Non se están a respectar os 5 metros de servidume a ambas as dúas marxes do río, medidos a partir do punto de máxima enchente, construíndose muros de contención mesmo a menos de 1 metro do Lagares.
2. Incúmprese a prohibición expresa de cortar a vexetación de ribeira na mesma franxa de 5 metros, xa que se está a efectuar unha corta sistemática da mesma.
3. Non se está tendo en conta tampouco a prohibición de depositar áridos na zona de servidume, acumulándose 30 cm por riba de calquera medio de retención, favorecendo a caída deste material ao leito do río.
4. A construcción de muros totalmente verticais de pedra de mamposteria nas marxes do rio, que encouzan o rio e modifican e estreitan totalmente as súas ribeiras naturais, incumpre as características técnicas do proxecto para o que Augas de Galicia concedeu o permiso.

XORNADA DE LIMPEZA NO RÍO LAGARES

Lagares Vivo colabora este ano na xornada de limpeza simultánea de ríos de toda Galicia organizada por ADEGA. Así, ADEGA Vigo e Lagares Vivo quérenvos convidar á mesma que vai decorrer no río Lagares o vindeiro domingo, 2 de outubro ás 11 da mañá. O punto de encontro será a rúa Severino Cobas, 244 (Localización).
A xente que queira participar activamente na limpeza deberá acudir con botas de auga e luvas.

Lagares Vivo colabora co proxecto de investigación de AXICA – Colexio Alborada

A Asociación de Xóvenes Investigadores do Colexio Alborada de Vigo , AXICA, encetou coa colaboración da nosa asociación un interesante proxecto de investigación cuxo obxectivo é estudar as sucesións planctónicas en dous puntos distintos do río Lagares. O proxecto está tutorizado polo profesor de Ciencias Naturais Alberto García Mallo e levado a cabo por alumnos de 3º e 4º de ESO co apoio de ex-alumnos do centro.

IMG_20160813_123905142
O reponsable do proxecto, Alberto García, con alumnas do centro e un membro da directiva de Lagares Vivo dispostos a realizar o primeiro dos fondeos.

Para a realización do estudo, escolléronse dous puntos do río, un con clara influencia mariña e outro coa influencia máis atenuada. Fondeáronse mortos de 40-60 cm con cada captador, 6 en total, coa fin de ir extraendo un cada mes e logo proceder á súa análise no laboratorio, para o cal contamos coa colaboración do ECIMAT (Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, dependente da Universidade de Vigo). A realización dos traballos conta, ademais, cos preceptivos permisos de Augas de Galicia e Costas. O fondeo dos captadores tivo lugar o pasado sábado 13 de agosto.

IMG_20160813_123038185
Imaxe dos captadores empregados.

O traballo preténdese presentar á feira Galiciencia de Ourense en novembro e á Exporecerca de Barcelona en marzo, así coma ao concurso esdelibro.es en maio de 2017.

Comunicado oficial

O pasado 11 de marzo un novo verquido afectou ao río Lagares na zona do seu nacemento, próximo a Lagoa Mol. Tratouse dun verquido de aceite e fuel que, malia a rápida actuación dos servizos municipais, autonómicos e do Seprona, non se puido evitar que se trasladase á citada lagoa, tal e como puidemos comprobar na visita que directivos de Lagares Vivo realizamos á zona afectada dous días despois, o 13 de marzo (ACHEGAMOS FOTOS). En conversa con veciños da zona, puidemos saber que, sempre segundo estes veciños, a posible orixe do verquido ten a ver con depósitos de aceites industriais soterrados por unha empresa da zona vendida a outra firma, a cal, descoñecedora da existencia deles, procedeu a movementos de terra que os picaron, soltando así o seu contido.

Dende Lagares Vivo queremos facer público:

  1. Os nosos parabéns aos diversos axentes que rápidamente actuaron sobre a zona contaminada, retirando as aves contaminadas e colocando as barreiras anticontaminación. Porén, advertimos que esta última medida non foi todo o eficaz que deberá ser, xa que a mancha conseguiu propagarse, se ben minimizada.
  2. O completo silencio posterior ao suceso. Tras a información de FARO DE VIGO o día posterior ao verquido, nada máis se soubo nin das actuacións destinadas a identificar os culpables nin da evolución posterior da mancha, nin dos efectos sobre os seres vivos, nin da composición exacta dos aceites…nada. Queremos saber que hai de certo nas manifestacións realizadas polos veciños aos que tivemos acceso, que actuacións se prevén para recuperar o ecosistema, porque aínda que a mancha xa non se vexa, os seus compostos xa están incorporados polos seres vivos, e cal é a composición química da aceite e que consecuencias poden ter.
  3. Nada se sabe tampouco do grave verquido do 23 de marzo de 2014. Malia as nosas xestións no Valedor do Pobo e nos xulgados, a cidadanía segue a ignorar que substancia foi a que matou numerosos peixes e anfibios nese verquido para desaparecer sen deixar rastro e quen foi o responsable do mesmo. Tampouco obtivemos resposta ningunha do Concello á nosa petición de sinalización e panel informativo na ponte medieval de Balaídos.
  4. O noso río, que podía xenerar unha senda verde de 17 km ao longo do municipio vigués, segue a sufrir cada ano agresións intolerables das cales case nunca se identifica e castiga aos responsables. O Concello solicitará a Xunta a transferencia das competencias sobre el (FARO DE VIGO, 6-2-2016), pero nós preguntámonos: Para que? Vai redundar iso nun mellor coidado do río? Cales son os plans que ten o Concello se logra a transferencia? A cidadanía de Vigo merece saber cal é o obxectivo que persegue o Concello con esa cesión de competencias, especificando as actuacións concretas que se pretenden realizar, partidas orzamentarias estimadas e prazos previstos.

Principais actuacións no ano 2014

Neste ano que finaliza, na Asociación Lagares Vivo centramos a nosa actividade reivindicativa en dúas frontes principalmente:
  1. O verquido acontecido no noso río o día 23 de marzo acabou coa vida de milleiros de peixes e anfibios. Perante a falta de respostas satisfactorias por parte das autoridades competentes, que non foron quen de determinaren tantos aos culpables como a substancia contaminante, dende Lagares Vivo decidimos presentar unha queixa no Valedor do Pobo e no Valedor do Cidadán. Ambos os dous admitiron a trámite a nosa queixa, iniciándose unha investigación para determinar en que medida a actuación das administracións foi todo o eficaz que cómpre agardar. En breve, publicaremos aquí un resumo das comunicacións que recibimos por parte destas dúas institucións.
  2. O 17 de setembro foi publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra o anuncio da realización dunha senda paralela ao Lagares por parte da Comunidade de Montes Veciñais e en Man Común de Cabral. Inmediatamente, presentámonos en Augas de Galicia para coñecérmonos de primeira man o tipo de actuación que se pretende levar a cabo. Desgrazadamente, comprobamos como, o que en principio resultaba ser unha boa idea, facíase de xeito absolutamente neglixente, ás presas e sen ningunha garantía medioambiental: repoboacións caóticas con especies foráneas, desbroces masivos, carencia de plans de mantemento e conservación… Ademais, tivemos constancia de que as obras xa empezaran co proxecto en fase de alegacións, polo que carecían do permiso preceptivo. Xa que logo, presentamos as correspondentes alegacións e queixas en Augas de Galicia, as cales axudaron, xunto con outras presentadas por particulares e outros colectivos, a que as obras fosen paralizadas polo Concello de Vigo. Tamén habemos publicar aquí mesmo o texto íntegro das nosas alegacións.
Foto das obras
Foto das obras
Foto das obras
Foto das obras
Foto das obras
Foto das obras

E pra rematar non nos esquecemos de desexarvos a tod@s un bo ano 2015.

Comezamos

Neste fin de semana, comezamos a nosa andadura na inmensidade de Internet. Presentamos a nosa web, nela iremos publicando artigos, noticias, links e outros datos de interese.

Sabemos que, agora mesmo, é unha web modesta xa que temos escasos recursos. Na medida que poidamos e ca axuda dos asociados, colaboradores, vigueses e público en xeral esperamos poder medrar e ter gran presenza. Non será cousa de dous días pero apreciamos a vosa paciencia.

cropped-lagaresvivo_logo-copia2.jpg

So quedanos por decir benvidos a todos e grazas por acompañarnos na andadura por un Lagares mellor.

Lagares Vivo